Saturday 27 de April de 2024

A Xunta convoca as probas para obter os certificados de lingua galega Celga nos seus catro niveis


— As solicitudes presentaranse preferiblemente a través da sede electrónica ata o 5 de abril

— Os exames realizaranse de forma presencial entre os meses de maio e xuño en Santiago de Compostela e Ponferrada, simultaneamente

— As datas concretas, así como as sedes e horarios de realización das probas, publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame remata o venres 5 de abril.

As ditas solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderán presentarse de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade publicarase no Portal da Lingua Galega.

Pola súa parte, os exames, que terán lugar nos meses de maio e xuño, realizaranse de forma presencial e simultánea en Santiago de Compostela, para os catro niveis, e en Ponferrada, para os niveis 2, 3 e 4. As datas concretas, así como as sedes e horarios de realización, publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega. Unha vez realizados os exames, os resultados provisionais publicaranse no dito portal no prazo máximo de dous meses desde a súa realización.

Os certificados de lingua galega (Celga) poden obterse a través da superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta de Galicia ou ben a través da validación de estudos nos supostos recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, na que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.